Campións de Liga na Cuarta División.
O domingo día 22 celebrouse nas Instalacións do Colexio Público Mallón en Nigrán a segunda e definitiva xornada da Liga Galega de Xadrez no Grupo C, Pontevedra Sur, organizada polo Club de Xadrez Laroca de Nigrán.
Disputadas as tres roldas desta xornada, e tralas sete en total das que contaba a Liga o Club de Xadrez Albatros, que xogou baixo a denominación de “xadrezalbatros.com E” proclamouse Campión de Liga 2009. Por segundo ano consecutivo os máis novos da Escola de Xadrez Albatros conquistaron o título de Liga da categoría, sumando xa tres na historia da Cuarta División, das cinco edicións que se levan disputadas. Os compoñentes do “Equipo E” do Club de Xadrez Albatros, foron Daniel Lomba González, Néstor Lomba Lomba, Antonio Cernadas Garrido e Antía Mouriño Lomba.
Non menos importante e meritorio foi o papel feito polo “Equipo F”, formado por Sergio González Correa, Héctor Verde Lomba, Carlos Verde Santiago e Mateo Vilaplana Baz, que acadou a cuarta praza empatado co Laroca Nigrán Infantil e o Equipo B do Santiago Apóstol cun total de 13,5 puntos cada equipo despois das sete roldas disputadas.
Como comentámo-la semana anterior a Liga decidiríase entre o “Xadrezalbatros.com E” e o “Santiago Apóstol A” que a priori, e trala disputa da primeira xornada, demostraron ser os dous equipos máis fortes do grupo. Antes da sétima rolda, na que ambos se enfrontarían, non perderon ningún dos seus encontros, e tan só se deixaron un punto os de Ponteareas, e dous os da Guarda, do total que disputaron fronte os demais rivais. Polo tanto, os guardeses necesitaban dunha victoria como mínimo de 3 a 1, para poder leva-lo título para A Guarda. Finalmente, e tras unha disputadísima partida entre Néstor Lomba (A Guarda) e Xabier Fandiño (Ponteares), na que xa se sabía que o que gañase levaría o triunfo para o seu equipo, o primeiro gañou e fixo o punto definitivo, o que supoñía o 3 a 1, e o título de Liga.
| Liga Galega de XadrezGrupo C 4ª División | Rolda 1 | Rolda 2 | Rolda 3 | Rolda 4 | Rolda 5 | Rolda 6 | Rolda 7 | Total | |
| 1 | Xadrezalbatros.com E | 4 | 4 | 3 | 4 | 4 | 3 | 3 | 25 |
| 2 | Santiago Apóstol A | 4 | 4 | 4 | 4 | 4 | 3 | 1 | 24 |
| 3 | Escola de Bouzas A | 4 | 4 | 2 | 3 | 0 | 1 | 0 | 14 |
| 4 | Laroca Nigrán Infantil | 4 | 0 | 1 | 2,5 | 3 | 1 | 2 | 13,5 |
| 5 | Xadrezalbatros.com F | 0 | 4 | 2 | 0 | 2 | 3,5 | 2 | 13,5 |
| 6 | Santiago Apóstol B | 0 | 0 | 3 | 1,5 | 2 | 3 | 4 | 13,5 |
| 7 | Xadrez Fleming A | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 1 | 3,5 | 4,5 |
| 8 | Xadrez Fleming B | 0 | 0 | 1 | 0 | 1 | 0,5 | 0,5 | 3 |
Aínda que a Cuarta División é unha categoría basicamente de formación, e prima a aprendizaxe por riba da competición, sempre é importante que os rapaces comecen a aprender a competir, a controla-los nervos e a ser capaces de demostrar o que aprenden día a día do seu xogo. Daquela, témonos que sentir moi orgullosos dos nosos mociños xogadores da Escola de Xadrez, polo bo papel competitivo desenvolvido. Finalmente, e nunca perdendo o sentido da formación, felicitar a tódolos xogadores e Clubs participantes que fan realidade unha categoría, que é moi importante para estes rapaces, xa que poucas oportunidades de compartir, e divertirse competindo teñen estes nenos que están no inicio, nun ambente de compañerismo e igualdade. Unha oportunidade única para que vaian aprendendo a xestionar tanto o éxito coma o fracaso competitivo. Só me queda engadir o agradecemento a Agustín e Xosé Manuel, do Club de Xadrez Laroca, como organizadores da xornada. Xa que sen eles, e outros tantos monitores, coma Fernando do Xadrez Fleming, os rapaces non terían a oportunidade de disfrutar destas experiencias e eventos. Verémonos o ano que ven.
.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|
Modificado o ( Luns, 23 Marzo 2009 21:29 )















